Casa de Europa

A Casa de Europa é unha residencia universitaria destinada ao aloxamento de profesores convidados e visitantes que acoden a Santiago de Compostela para participar nas actividades docentes e investigadoras organizadas pola Universidade de Santiago de Compostela.

Situada no Parque de Vista Alegre, antes coñecido como Finca Simeón, que ademais acolle outros dous edificios da Universidade de Santiago de Compostela, o Centro de Estudos Avanzados (CEA) e o Museo de Historia Natural Luis Iglesias, ten unha situación estratéxica xa que está á beira do Campus Norte e zona histórica, e a quince minutos do Campus Vida.

A Casa de Europa conta con seis amplos cuartos de uso dobre ou individual, e diversos lugares de encontro que permiten dispoñer do mellor ambiente intelectual tanto para a realización de xuntanzas e reunións, como almorzos e comidas de traballo, con capacidade para 50 persoas. O persoal encargado da Casa esfórzase día a día en darlle un toque persoal á residencia, coidando ao máximo tódolos detalles, co fin de facer á estancia dos hóspedes o máis agradable posible.

 

Parque Vista Alegre
Rúa Salvadas s/n
15705 Santiago de Compostela
A Coruña - España

Tel.: +34 881 816 300
Fax: +34 881 816 309